Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Boqueixón pon en marcha unha nova edición do seu Ciclo de Teatro de Outono


Ofreceranse cinco sesións de artes escénicas entre este domingo 17 de novembro e o vindeiro sábado 14 de decembro

O Concello de Boqueixón pon en marcha unha nova edición do seu Ciclo de Teatro de Outono. En colaboración coa Deputación provincial da Coruña, esta proposta cultural englobará un total de cinco sesións de artes escénicas que se desenvolverán durante outras tantas fins de semana na Casa da Cultura de Camporrapado. A entrada para cada unha delas é de balde.

A primeira das sesións terá lugar este domingo 17 de novembro ás 17.30 horas coa posta en escena de Rosenda, unha criada indecente, do Grupo de Teatro Licor Café. Esta obra está dirixida a todos os públicos e nela colabora o Club de Maiores de Boqueixón.

Para o sábado 23 de novembro o Grupo de Teatro Charamela interpretará a peza Pode ser calquera…, tamén dirixida a todos os públicos. A sesión dará comezo ás 19.00 horas.

Decembro estrearase o propio domingo día 1 ás 17.30 horas coa peza Invisibles, de Redrum Teatro. Trátase dun espectáculo que afonda na problemática da violencia de xénero. Está dirixida a público a partires dos 12 anos.

O Club de Maiores de Boqueixón tomará o relevo do domingo 8 de decembro coa posta en escena da súa obra Urxencias ás 17.30 horas. Esta peza, que está a colleitar tantos éxitos dentro e fóra do municipio, está dirixida a todos os públicos.

Pechará o Ciclo de Teatro de Outono de Boqueixón o Grupo de Teatro do Concello de Ames o sábado 14 de decembro. Ás 19.00 horas presentarán a obra Criaturas, de Roberto Vidal Bolaño, que está dirixida a un público maior de 12 anos.

Dende o Concello de Boqueixón animan a toda a veciñanza a asistir ás distintas sesións de artes escénicas preparadas para este e o vindeiro mes. Unha excelente oportunidade para achegarse ao mundo do teatro.